A Banda de Música de Cerdedo nace na segunda metade do século XIX, alá polo ano 1850 da man dos irmáns Antonio e Francisco García Fernández, consolidándose a agrupación co polifacético mestre, Campio García, quen colleu a dirección da banda na década de 1870.

Despois de máis de 100 anos de historia, desaparece definitivamente na década de 1950, non sen antes sufrir diversas escisións das cales xurdiron outras agrupacións no concello e períodos de menor actividade por causa da guerra e a emigración.

A Banda de Música de Cerdedo estivo dirixida durante eses máis de cen anos por Mestres coma: Antonio e Francisco García Fernández, Campio García Silva, o tamén recoñecido compositor Constantino Paz, Xosé Benito García ou Manuel Monteagudo entre outros

Despois de máis de 50 anos sen banda de música nun concello con tanta tradición musical como Cerdedo, créase no ano 2014 a Escola de Música de Cerdedo, contando con case 40 alumnos no seu primeiro ano de funcionamento.

Ao abeiro da Escola de Música nace a Banda de Música de Cerdedo. Esta agrupación foi creada para recuperar a tradición musical bandística deste concello e para dar cabida aos intereses musicais dos alumnos da escola e doutros músicos do concello.

No mes de outubro de 2014 comezan os seus ensaios e en Xaneiro de 2015 fai o seu primeiro concerto no festival de Nadal da Escola de Música contando con un gran respaldo do público cerdedense ansioso por ver renacer a banda do seu pobo.

Ao longo do seu primeiro ano de vida realiza varios concertos, destacando o concerto realizado nas festas patronais do Divino Ecce Homo e organiza o seu propio festival de Bandas de Música de Cerdedo.

A Banda está formada na actualidade por 33 músicos, entre alumnos e profesores da escola de música e dirixida polo mestre galego, José Luis Loureiro Durán.